Arquivo da categoría: Club de lectura

Análise: Os 40 autores e autoras máis lidos nos Clubs de lectura no curso2015/16

A Asesoría das Bibliotecas Escolares Galegas vén de publicar no seu blog Ler en mancomún o listado dos autores e autoras máis lidos nos Clubs de lectura.

No listado de corenta escritores temos  24 autores de literatura galega (16 autores e 8 autoras) e se temos en conta que do resto do listado algúns dos autores coma René Goscinny, Dolores Redondo, R.J. Palacio.. teñen a súa obra publicada en galego concluímos pois cun dato moi positivo para a nosa literatura:  nos Clubs de lectura de Galicia lese maioritariamente en galego ( ao que favorece sen dúbida, que na convocatoria das axudas se regule a porcentaxe de inversión a realizar en obras na nosa lingua).

Destacan á cabeza2d3aa507bf87863432b710a73f444ba2 da lista o noso querido Agustín Fernández Paz (lido en 98 clubs) plaza que esperamos que se manteña no curso actual en homenaxe polo seu pasamento; o segundo posto e tamén por segundo ano atopamos á Ledicia Costas (a creadora de Escarlatina, coñecida en todos os coles galegos) e no terceiro posto fai presenza a poesía con Manuel María poeta a quen lle adicamos as Letras galegas no 2016.

Constatamos tamén a aplastante presenza de narradores fronte a só tres poetas (Manuel María, Berta Dávila e Carlos Negro) e catro autores de banda deseñada (O consagrado Goscinny, Miguel Anxo Prado e o autor de Maus, Spiegelman); decididamente, os nosos rapaces e rapazas len preferentemente narrativa polo que deberiamos meditar a opción de ampliar horizontes lectores e colocarlles entre as mans poemarios de calidade e do seu interés, e presentarlles a obra dos nosos ilustradores.

lecturas
Fonte: Ler en mancomún,

http://lerenmancomun.blogspot.com.es/2017/01/as-40-autoras-e-autores-mais-lidos.html

 

Primeira sesión de “Icía quere cambiar o mundo”

20170117_114604

Con grande ilusión recibiron os nosos alumnos ealumnas do club de lectura de 1º de ESO o libro de lectura deste trimestre “Icía quere cambiar o mundo” de Fina Casalderrey, unha lectura na que imos ter moitos colaboradores: A profe Carmen Pernas ilustradora do libro, o profe Germán que vai levar a parte de medio ambiente e bioloxía, a profe Luísa que se ocupará da formación sociopolítica, a profe Rosa que se ocupará das medicións matemáticas e a profe Anxos que coordinará a lectura e ocuparase do asesoramento lingüístico e literario.

Os profes temos tamén preparada unha sorpresa para os bos e boas lectores/-as, relacionada coa novela, claro e que de seguro vos vai encantar… Que será ???

Encontro lector con Andrea Maceiras

Esta mañá tivemos o pracer de recibir na nosa biblioteca á escritora Andrea Maceiras para encontrarse co alumnado dos clubs de lectura de 4º de ESO C e D que previamente tiñan lido e comentado a súa obra “Europa Express”. Acompañounos tamén o profesor Anxo Guerra que xa compartira connosco algunha das sesións do club arredor desta novela.

Nun ambiente cómodo e agradable comezou a escritora poñendo en escea un “spin- off” sobre a obra, técnica narradora que consiste na recreación dunha escena ou duns personaxes a partir da obra narrativa.

Despois desta fermosa lectura chegaron as preguntas do público, sobre a obra ( personaxes, argumento, creación), sobre a escrita, sobre os gustos da autora e os do alumnado… unha interesante, animada e formadora conversa da que relatora e público quedaron encantados.

Esperamos ler outras obras de Andrea Maceiras, das xa publicadas e das que veñen por publicar, gozar da súa lectura e poder compartilo coa nosa autora.

Que os gansos migratorios a acompañen nesta a súa viaxe polas nosas letras:

20170117_132604

O noso agradecemento á autora por acompañarnos, ao profe Anxo por compartilo con nós e a Bea de Edicións Xerais por facelo posible.

“Ámote Leo A.” de Rosa Aneiros no club de lectura de 4º de ESO C.

xg00202701

Vistos os excelentes resultados de lectura das obras lidas no primeiro trimestre escollemos agora unha fermosa novela itinerante da autora Rosa Aneiros , que recibiu o Premio Irmandade do Libro ao Mellor libro Infantil e Xuvenil do ano 2014: Ámote Leo A.

Ámote Leo A. Destino xalundes    é a primeira parte dunha triloxía na que Leo nos vai levar de percorrido polo mundo na súa viaxe de fin de estudos; con escasos medios económicos, que lle han de durar para toda a viaxe, e unha mochila na espalda visitaremos con ela países e cidades míticas de todo o mundo; as súas experiencias, positivas e negativas conformarán o relato desta marabillosa viaxe e intentaremos resolver o misterio da pintada que aparecerá nos lugares máis diversos: “Ámote Leo A.”. Non faltará nesta viaxe xeográfica unha linda viaxe pola literatura universal.

Preparade pois a mochila e collede os billetes que o noso vo está a punto de despegar… 

 

“Icía quere cambiar o mundo” de Fina Casalderrey .Club de lectura de 1º de ESO.

20170104_190218

Comezamos este ano lector 2017 cunha nova lectura, abandonamos o mundo da fantasía para centrarnos en “salvar o mundo” como nos di o título desta novela da escritora galega Fina Casalderrey; a nosa protagonista Icía ante a posible desaparición do fermoso habitat no que vive ideará un plan para que coa forza da palabra, da palabra das xentes do pobo, os nosos políticos lexislen normas que sirvan para perservalo… pero non adiantemos acontecementos.20170104_190459-1

Ecoloxismo e política, natureza, cooperación danse a man nesta fermosa historia que combina as palabras de Fina Casalderrey coas fermosas ilustracións de Carmen Pernas (a nosa admirada profe de Plástica), e estes serán os temas que centrarán as nosas conversas e as actividades que realizaremos a partir da lectura da novela.

20170104_190727-1

Páxina da autora:

http://fina.casalderrey.com/index2.htm

Dividiremos a lectura en tres períodos: 1ª,2ª e 3ª partes, 4ªe 5ªpartes e remataremos coa 6ª  e 7ª para finalizar a obra; entre lecturas iremos desenvolvendo as actividades e os encontros con persoas especializadas nos temas.

 

Feliz ano lector 2017

Coa fin do ano chéganos a resolución das axudas para os clubs de lectura: Estamos encantad@s con este agasallo que nos vai permitir renovar os fondos dos clubs e invertir nas novas publicacións dos nosos autores.

Para todos os que formamos parte desta familia lectora do IES Sánchez Cantón, para todos e todas os que colaboran connosco (librerías, editoriais, autores…) e para o Equipo das Bibliotecas Escolares Galegas que sempre nos apoian:

 
100000757637060 on piZap.com

Encontro lector en Librería Paz

club-de-anxos-7-copyNo día de onte os alumnos e alumnas do club de lectura de 4º de ESO C e D e a súa coordinadora tivemos o pracer de ter o noso encontro lector co escritor e editor Francisco Castro para compartir ideas e comentarios sobre o seu libro “Tes ata as dez” e nesta ocasión mudamos de espazo e fomos ata o delicioso marco da Librería Paz.

Rodeados de libros,  falamos co escritor da súa obra, dos personaxes, da trama, do marco histórico mais tamén da vida, da situación das mulleres na sociedade (na franquista da novela e na actual) e da importancia da lectura para aprender a pensar.

Os chic@s puideron compartir co autor as súas opinións sobre a obra e aclarar moitas preguntas arredor da mesma. As  respostas de Francisco Castro foron densas, amables e soubo achegarse ás inquedanzas dos adolescentes, aconsellalos e compartir con eles.

Logo do encontro, grazas a amabilidade de Librería Paz, puidemos visitar os fondos de Banda Deseñada e Manga, literatura fantástica e literatura xuvenil, curioseamos, falamos de lecturas, ulimos  e tocamos os libros … un pracer facelo en boa compañía.

 Encontro lector na Libreria Paz on PhotoPeach

http://photopeach.com/embed/n3i5sa

Fotografías de Helena, Librería Paz.

 

Os 50 títulos máis lidos nos Clubs de lectura durante o curso 2015/2016

Ler en mancomún

Non fixen estatísticas pero botando unha ollada sinto unha gran ledicia (o nome propio e o común) ao comprobar que teñen máis peso as obras de autores galegos en galego (a calidade terá moito que ver) e que autores da literatura universal son lidos en galego (grazas aos tradutores/as e ás editoriais que apostan por estas); tamén constato que a nosa literatura, a galega, está viva nos clubs de lectura galegos (as obras escollidas son novidosas e moi actuais) polo que os nosos rapaces e rapazas coñecen as obras dos clásicos como o gran Neira Vilas ou o querido Agustín Fernández Paz e as dos autores e autoras que se consagrarán no futuro… ( non dámos nomes para non desmerecer a ningún/ningunha deles/delas)… E todo grazas ao marabilloso proxecto dos Clubs de lectura das Bibliotecas Escolares Galegas, e das axudas para mercar os libros e de quen deseña, regula e apoia este proxecto.

50_titulos_2