Arquivo da categoría: encontro lector

Encontro lector con Andrea Maceiras

Esta mañá tivemos o pracer de recibir na nosa biblioteca á escritora Andrea Maceiras para encontrarse co alumnado dos clubs de lectura de 4º de ESO C e D que previamente tiñan lido e comentado a súa obra “Europa Express”. Acompañounos tamén o profesor Anxo Guerra que xa compartira connosco algunha das sesións do club arredor desta novela.

Nun ambiente cómodo e agradable comezou a escritora poñendo en escea un “spin- off” sobre a obra, técnica narradora que consiste na recreación dunha escena ou duns personaxes a partir da obra narrativa.

Despois desta fermosa lectura chegaron as preguntas do público, sobre a obra ( personaxes, argumento, creación), sobre a escrita, sobre os gustos da autora e os do alumnado… unha interesante, animada e formadora conversa da que relatora e público quedaron encantados.

Esperamos ler outras obras de Andrea Maceiras, das xa publicadas e das que veñen por publicar, gozar da súa lectura e poder compartilo coa nosa autora.

Que os gansos migratorios a acompañen nesta a súa viaxe polas nosas letras:

20170117_132604

O noso agradecemento á autora por acompañarnos, ao profe Anxo por compartilo con nós e a Bea de Edicións Xerais por facelo posible.

Advertisements

Encontro lector en Librería Paz

club-de-anxos-7-copyNo día de onte os alumnos e alumnas do club de lectura de 4º de ESO C e D e a súa coordinadora tivemos o pracer de ter o noso encontro lector co escritor e editor Francisco Castro para compartir ideas e comentarios sobre o seu libro “Tes ata as dez” e nesta ocasión mudamos de espazo e fomos ata o delicioso marco da Librería Paz.

Rodeados de libros,  falamos co escritor da súa obra, dos personaxes, da trama, do marco histórico mais tamén da vida, da situación das mulleres na sociedade (na franquista da novela e na actual) e da importancia da lectura para aprender a pensar.

Os chic@s puideron compartir co autor as súas opinións sobre a obra e aclarar moitas preguntas arredor da mesma. As  respostas de Francisco Castro foron densas, amables e soubo achegarse ás inquedanzas dos adolescentes, aconsellalos e compartir con eles.

Logo do encontro, grazas a amabilidade de Librería Paz, puidemos visitar os fondos de Banda Deseñada e Manga, literatura fantástica e literatura xuvenil, curioseamos, falamos de lecturas, ulimos  e tocamos os libros … un pracer facelo en boa compañía.

 Encontro lector na Libreria Paz on PhotoPeach

http://photopeach.com/embed/n3i5sa

Fotografías de Helena, Librería Paz.