Arquivo da categoría: narrativa en galego

Primeira sesión de “Icía quere cambiar o mundo”

20170117_114604

Con grande ilusión recibiron os nosos alumnos ealumnas do club de lectura de 1º de ESO o libro de lectura deste trimestre “Icía quere cambiar o mundo” de Fina Casalderrey, unha lectura na que imos ter moitos colaboradores: A profe Carmen Pernas ilustradora do libro, o profe Germán que vai levar a parte de medio ambiente e bioloxía, a profe Luísa que se ocupará da formación sociopolítica, a profe Rosa que se ocupará das medicións matemáticas e a profe Anxos que coordinará a lectura e ocuparase do asesoramento lingüístico e literario.

Os profes temos tamén preparada unha sorpresa para os bos e boas lectores/-as, relacionada coa novela, claro e que de seguro vos vai encantar… Que será ???

Encontro lector con Andrea Maceiras

Esta mañá tivemos o pracer de recibir na nosa biblioteca á escritora Andrea Maceiras para encontrarse co alumnado dos clubs de lectura de 4º de ESO C e D que previamente tiñan lido e comentado a súa obra “Europa Express”. Acompañounos tamén o profesor Anxo Guerra que xa compartira connosco algunha das sesións do club arredor desta novela.

Nun ambiente cómodo e agradable comezou a escritora poñendo en escea un “spin- off” sobre a obra, técnica narradora que consiste na recreación dunha escena ou duns personaxes a partir da obra narrativa.

Despois desta fermosa lectura chegaron as preguntas do público, sobre a obra ( personaxes, argumento, creación), sobre a escrita, sobre os gustos da autora e os do alumnado… unha interesante, animada e formadora conversa da que relatora e público quedaron encantados.

Esperamos ler outras obras de Andrea Maceiras, das xa publicadas e das que veñen por publicar, gozar da súa lectura e poder compartilo coa nosa autora.

Que os gansos migratorios a acompañen nesta a súa viaxe polas nosas letras:

20170117_132604

O noso agradecemento á autora por acompañarnos, ao profe Anxo por compartilo con nós e a Bea de Edicións Xerais por facelo posible.

“Ámote Leo A.” de Rosa Aneiros no club de lectura de 4º de ESO C.

xg00202701

Vistos os excelentes resultados de lectura das obras lidas no primeiro trimestre escollemos agora unha fermosa novela itinerante da autora Rosa Aneiros , que recibiu o Premio Irmandade do Libro ao Mellor libro Infantil e Xuvenil do ano 2014: Ámote Leo A.

Ámote Leo A. Destino xalundes    é a primeira parte dunha triloxía na que Leo nos vai levar de percorrido polo mundo na súa viaxe de fin de estudos; con escasos medios económicos, que lle han de durar para toda a viaxe, e unha mochila na espalda visitaremos con ela países e cidades míticas de todo o mundo; as súas experiencias, positivas e negativas conformarán o relato desta marabillosa viaxe e intentaremos resolver o misterio da pintada que aparecerá nos lugares máis diversos: “Ámote Leo A.”. Non faltará nesta viaxe xeográfica unha linda viaxe pola literatura universal.

Preparade pois a mochila e collede os billetes que o noso vo está a punto de despegar… 

 

“Xa non estou aquí” de Iria Misa no club de lectura de 4ºde ESO D.

xg00248601Presentamos a nova lectura que nos vai acompañar neste trimestre Xa non estou aquí de Iria Misa, obra pola que recibiu o premio Jules Verne de literatura xuvenil 2016.

A novela cóntanos a historia de Ánxela, unha adolescente, e do seu grupo de amigos que viven buscando o pracer polo pracer. A desaparición de Ánxela é o motor que provoca que todos vaian tirando do fío ata desfacer o nobelo que esconde a trama.

Os protagonistas son personaxes desarraigados, produto de familias rotas de clase media acomodada  que se sinten perdidos no mundo que viven. A amistade, a homosexualidade na adolescencia, o mundo das drogas, os riscos e as subidas de adrenalima son temas que pairan sobre a novela que presenta unha estrutura moi interesante que pon en  destaque a individualidade e o poder do grupo a través do narrador colectivo.

Unha crítica á sociedade do benestar que “perde de vista”aos seus fillos aos que non é quen de protexer.

 

 

“Icía quere cambiar o mundo” de Fina Casalderrey .Club de lectura de 1º de ESO.

20170104_190218

Comezamos este ano lector 2017 cunha nova lectura, abandonamos o mundo da fantasía para centrarnos en “salvar o mundo” como nos di o título desta novela da escritora galega Fina Casalderrey; a nosa protagonista Icía ante a posible desaparición do fermoso habitat no que vive ideará un plan para que coa forza da palabra, da palabra das xentes do pobo, os nosos políticos lexislen normas que sirvan para perservalo… pero non adiantemos acontecementos.20170104_190459-1

Ecoloxismo e política, natureza, cooperación danse a man nesta fermosa historia que combina as palabras de Fina Casalderrey coas fermosas ilustracións de Carmen Pernas (a nosa admirada profe de Plástica), e estes serán os temas que centrarán as nosas conversas e as actividades que realizaremos a partir da lectura da novela.

20170104_190727-1

Páxina da autora:

http://fina.casalderrey.com/index2.htm

Dividiremos a lectura en tres períodos: 1ª,2ª e 3ª partes, 4ªe 5ªpartes e remataremos coa 6ª  e 7ª para finalizar a obra; entre lecturas iremos desenvolvendo as actividades e os encontros con persoas especializadas nos temas.